Thursday 25 de April de 2024

O Concello apoia ao tecido cultural coruñés coa aprobación dunha liña específica de axudas para a creación artística, dotada con 180.000 euros


O Goberno local deu luz verde tamén a tres liñas de subvencións destinadas a asociacións veciñais, entidades sociais sen ánimo de lucro e actividades de interese social en materia de igualdade

Este mércores aprobouse o proxecto de reforma da planta baixa e o semisótano do antigo albergue do Instituto Benéfico Social Padre Rubinos, que acollerá un Centro de Atención Continuada

O Goberno municipal aprobou este mércores en Xunta de Goberno Local as bases para a nova convocatoria das axudas de creación artística para artistas individuais empadroados na Coruña, unha iniciativa promovida co obxectivo de apoiar ao tecido cultural local e que na vixente convocatoria estará dotada cun orzamento de 180.000 euros.

A alcaldesa, Inés Rey, subliñou a importancia desta liña de axudas, “un apoio económico fundamental para o sector cultural da cidade, e que contribúe a estimular a creatividade do talento local en eidos como as artes plásticas, audiovisuais, escénicas, literarias e musicais”.

Esta liña de axudas ten como finalidade contribuír á creación de proxectos artísticos durante este ano 2023, polo que serán subvencionables os gastos orixinados entre o pasado 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste exercicio. O importe máximo de cada axuda será de 10.000 euros para cada persoa beneficiaria.

Un dos requisitos esixidos ás persoas solicitantes é estaren empadroadas no Concello da Coruña cunha antigüidade de, polo menos, dous anos. É dicir, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021. Ademais, será imprescindible que a persoa solicitante estea ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias.